El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Tendencias | tendencias@elcorreogallego.es  |   RSS - Tendencias RSS

Os Bolechas percorren Galicia cunha nova actividade familiar do FalaRedes

Arranca o sábado en Moraña// Chegarán a 21 concellos da Rede de Dinamización Lingüística

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, esq., Luisa Piñeiro e Tomás Valín.  - FOTO:  COB
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, esq., Luisa Piñeiro e Tomás Valín. - FOTO: COB

MARÍA ABASCAL  | 13.09.2017 
A- A+

A sexta edición do ­programa de dinamización lingüística FalaRedes retoma as súas propostas e faino ­cunha nova actividade familiar e participativa ­protagonizada pola familia animada máis famosa de Galicia, Os ­Bolechas.

O secretario xeral, Valentín García, presentou onte en Moraña a nova actividade Os Bolechas. De Chispa a Tatá, imos de Moraña a Zas, que chegará a este concello pontevedrés o vindeiro sábado para iniciar nel a xira que a levará en exclusiva a 21 concellos da Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia.

A cita é ás 18.00 horas na Casa da Cultura ADR Castelao, con entrada libre e de balde ata completar a capacidade deste espazo.

O responsable de Política Lingüística sinalou que se trata dunha actividade “especificamente pensada para familias novas con cativada dos catro aos dez anos, para quen os coñecidos bonecos son referentes galegofalantes cos que ano a ano tentamos chegar con temáticas e propostas diversas pero sempre atractivas co obxectivo de animalos a participar, a socializar e a desenvolverse en galego en todos os ámbitos da vida”. Acompañárono na presentación a alcaldesa, Luisa Piñeiro, e mais un dos responsables de Bolanda Edicións, Tomás Valín.

O espectáculo chegará, do 16 de setembro ao 5 de novembro, a Moraña, Sober, Castrelo de Miño, Barro, Caldas de Reis, Castro Caldelas, Triacastela, Quiroga, Rianxo (en colaboración coa Mancomunidade Ría de Arousa Zona Norte), Pazos de Borbén, A Bola, Frades (en colaboración coa Mancomunidade da Comarca de Ordes), Padrón, Negreira, Santa Comba, Arteixo, Zas, Mos, Bueu, Ordes e Xove. Toda a información xa está dispoñible no enlace http://www.lingua.gal/dechispaatata.

‘De Chispa a Tatá, imos de Moraña a Zas’. Os seis irmáns Bolechas e o seu can Chispa non podían faltar á súa cita co programa de dinamización lingüística FalaRedes. Aquí chegan, un ano máis, para percorreren este outono  21 entidades da Rede de Dinamización Lingüística ­cunha actividade familiar e participativa.

Tatá, Sonia, Braulio, Loli, Pili e Carlos están facendo o Camiño de Santiago e paran na pensión de Eustaquio acompañados do seu can Chispa. Eustaquio acepta darlles aloxamento a cambio de que xoguen con el a un peculiar xogo da oca que os obrigará a superar, coa axuda e participación do público, diferentes probas de habilidade física e de coñecementos culturais sobre Galicia adaptados a rapaces de 4 a 10 anos. Cultura, xeografía, gastronomía, tradicións… todo terá cabida nesta divertida iniciativa para que os nenos e nenas aprendan e se divirtan en galego, a lingua que sempre falan Os Bolechas.

Como é habitual, nesta proposta dos Bolechas para FalaRedes a participación non se limita ao día do espectáculo, senón que se amplía e ten continuidade a través das novas ­tecnoloxías.

Durante a actividade, o público coñecerá unha palabra máxica que lle permitirá acceder ao web osbolechas.gal/dechispaatata para seguir xogando e aprendendo e mais para conseguir ata 20 lotes dos seus libros.
Desde que comezaron a publicarse no ano 2000, Os Bolechas convertéronse nun auténtico fenómeno.

Ocio no noso idioma

••• Esta é a cuarta participación dos Bolechas no programa de dinamización lingüística da Secretaría Xeral de Política Lingüística tras os espectáculos ‘Os Bolechas van ás Olimpíadas’, ‘Os Bolechas na máquina do tempo’ e ‘Os Bolechas e o sabichón’.

••• Este ano ‘FalaRedes’ chega á súa sexta edición cos obxectivos de ampliar a oferta de ocio na nosa lingua e dotar os concellos de actividade en galego, de promover o seu uso e valoración social e de apoiar os artistas que desenvolven a súa creatividade na lingua propia de Galicia.

••• Nas cinco edicións anteriores do programa foron preto de 800 as actividades programadas para públicos de todas as idades. Coma sempre no FalaRedes, a entrada é libre.