El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Tendencias | tendencias@elcorreogallego.es  |   RSS - Tendencias RSS

Premio para Yolanda Diz, unha biologa galega na élite

A Sociedade Europea de Endocrinoloxía salienta o seu traballo sobre novas liñas para o tratamento da diabetes

A investigadora Yolanda Diz, a esquerda, acompañada por Federico Mallo e máis o resto deste equipo galego.  - FOTO: Duvi
A investigadora Yolanda Diz, a esquerda, acompañada por Federico Mallo e máis o resto deste equipo galego. - FOTO: Duvi

LUPE SEOANE SANTIAGO  | 14.09.2017 
A- A+

A investigadora do Laboratorio de Endocrinoloxía da Universidade de Vigo Yolanda Diz Chaves, adscrita ao Centro de Investigación Biomédica, Cinbio, é unha das tres gañadoras do Poster Prize Winner que cada ano outorga a Sociedade Europea de Endocrinoloxía en recoñecemento aos mellores pósters presentados no seu congreso anual. Nesta ocasión presentáronse máis de 1700 traballos e entre os tres mellores na categoría de ciencia básica atópase o de Diz-Chaves, un estudo no que autora demostra que o liraglutide, un axente terapéutico empregado no tratamento da diabetes, é capaz de modular a reposta inflamatoria, o que permite abrir novas liñas de investigación para o tratamento e busca dunha cura para a diabetes e a obesidade, patoloxías que, á súa vez, están asociadas a múltiples enfermidades neurodexenerativas, entre elas o alzhéimer.
“Para min este premio supón unha gran satisfacción, o recoñecemento ao esforzo profesional e persoal, á constancia, ao traballo duro e ao convencemento de que se ía polo bo camiño”, subliña a investigadora, a quen a noticia do premio lle chega poucos meses despois de conseguir unha das axudas da Xunta de Galicia como ‘investigadora emerxente’ e de que un dos artigos do grupo, no que ela asina como primeira autora, recibise a certificación como Top Dowloaded Authors que o acredita como o artigo máis descargado en 2016 na revista Journal of Endocrinology, unha das principais publicacións de referencia neste eido.
No Laboratorio de Endocrinoloxía da Universidade, dirixido polo catedrático Federico Mallo, levan anos traballando cun modelo experimental de diabesidade, termo empregado para referirse a aqueles pacientes con problemas de obesidade e diabetes tipo 2, dúas patoloxías intimamente relacionadas e para as que na actualidade apenas existen fármacos que teñan demostrado unha eficacia potencial, se ben nos últimos anos adquiriu un grande interese o estudo da neuroinflamación asociada a ambos trastornos.
“A neuroinflamación é un proceso inflamatorio de baixo grao que se mantén de forma crónica, que afecta ao metabolismo periférico e tamén central e que acostuma relacionarse co desenvolvemento de enfermidades neurodexenerativas como o alzhéimer ou outro tipo de patoloxías relacionadas coa conduta emocional como a depresión”, explica.
No caso vigués trabállase cun modelo experimental de diabesidade, no que o que fan é reducir a achega calórica a ratas preñadas, o que provoca que as crías cando nacen presentan un menor peso e unha serie de características metabólicas e hormonais que as predispoñen ao desenvolvemento de diabetes e obesidade na franxa de idade adulta.
tendencias@elcorreogallego.es
www
elcorreogallego.es