El Correo Gallego

Tendencias » El Correo 2

Cando a arte se apropia das rúas e abrollan amizades

RAQUEL SENRA FERNÁNDEZ. ELOS   | 18.02.2018 
A- A+

Fai uns meses enfrasqueime nunha novela xuvenil que publicou Xerais na primavera de 2017 e que ten como fío condutor o emprego da arte urbana como expresión para embelecer o entorno, así como para reivindicar ou expresar certas realidades.

Entre outras cousas, na cuberta vese o título, Avións de papel, que xunto coa ilustración, na que se poden ver avionciños de cores, xera unha imaxe moi lírica que nos invita a voar polas páxinas desta obra para descubrir o que nelas se agochan.

Esta é unha historia tremendamente sensible que engaiola desde o primeiro instante e na que o escritor, Xavier Estévez (Bruxelas, 1969), emprega unha linguaxe moi coidada e visual. Os personaxes aos que dá vida están moi ben definidos e o autor póñenos na súa pel para que sintamos os seus medos e inseguridades, as súas ledicias e degoxos. Ademais, é unha historia con dous narradores, que se identifican polo emprego dunha tipografía en redonda e cursiva, facendo o percorrido polas palabras moi ameno. Con eles viviremos os misterios e as inxustizas que acontecen nunha vila costeira.

As ilustracións de Marcos Viso (Ourense, 1973) teñen unha delicadeza sublime. O emprego de liñas rectas en moitos elementos das imaxes (fiestras, chans, valados...) e de texturas diversas (paredes, pel dos personaxes...) resultan unha combinación moi agradable. Emprega cores pasteis entre as que predomina a cor turquesa, que nos envolven e transmiten tranquilidade. A forma de secuenciar e de escoller que imaxes representar é moi acertada porque axudan a complementar o texto facendo énfase nos feitos máis importantes. Destaca tamén o diferente emprego de planos ao longo da obra: primeiro plano, picados, subxectivos, detalle, cenital..., que outorgan dinamismo á historia e amosan a versatilidade do artista ourensán.

Unha viaxe de amizade na que os medos e inseguridades de dúas crianzas esvaecen coa afección polo mundo da arte, do graffiti, da poesía... e que, malia súa curta idade, reivindican os espazos públicos como un lugar de expresión artística.

Este libro ilustrado tamén conta cunha sección ao final na que se recollen fotografías de diferentes murais realizados na comunidade galega. É unha pequena mostra do que se fixo e do que se está a facer nesta terra que, cada vez máis, aposta por encher de cores muros grises e avelloados. Sen dúbida, un regalo para os viandantes que teñen a sorte de descubrir estas obras.

raquel.senfer@gmail.com