El Correo Gallego

Tendencias » El Correo 2

O galego e a espontaneidade para contar as tradicións

GIULIA VEZZARO  | 11.03.2018 
A- A+

Manter vivas as tradicións populares e o idioma galego máis sinxelo e natural é moi importante a día de hoxe para os adultos que teñen que implicarse en que a nenez non esqueza xamais de onde vén e, o máis importante, quen é.

Un dos nosos dramaturgos máis importantes, gañador da primeira edición do concurso de teatro infantil O Facho, Euloxio Rodríguez Ruibal (Ordes, 1945), conseguiu precisamente este reto na súa primeira obra dedicada á narrativa infantil e xuvenil, Formigas, risas, flores e dinosauros, publicada na editorial Galaxia na súa colección "Árbore". Ruibal, na actualidade profesor da Universidade de Santiago de Compostela, dramaturgo e escritor, logrou nesta pequena obra composta por catro breves contos que, a través da imaxinación máis natural, tanto adultos coma nenos compartan visións da vida que non se poderían aceptar e comprender no mundo real, sempre acompañados pola garimosa e implicada man do autor.

Os relatos titúlanse "A formiga revirada", "O xardín de Claudia", "Unha triste perda" e "Santi e máis Iago". Son todos grandes tesouros nos que podemos emocionarnos, rir, reflexionar, aprender e ensinar se temos en consideración a calidade da escritura e a cantidade de temas tratados: a familia e os amigos, a liberdade e a xustiza, as diferenzas raciais, a forza para loitar no que cremos, a pouca importancia do material fronte ao que realmente nos fai felices e a falta de prexuízos.

Todas elas cuestións que poderían chegar a mostrarnos o mundo de maneira distinta para facer del un lugar mellor. Ademais, se por unha banda a presenza duns pais algo superficiais pode chamarnos a atención para que nos fixemos máis nas necesidades dos nenos, pola outra o feito de protagonistas femininas en dous dos contos levará á infancia a reflexionar sobre cuestións de xénero, vixentes hoxe en día.